Mostrando entradas con la etiqueta afeccións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta afeccións. Mostrar todas las entradas

miércoles, 27 de octubre de 2010

Intenso, angustioso, real??


Estou a punto de acabalo...e estaría rematado se tivese un pouco máis de tempo, pero que angustia!! A pesar de todo, moi recomendable!!!
"Un pai e un fillo camiñan sós por un mundo frío onde apenas nada se move, excepto a cinza e a neve no vento. Pai e fillo empurran un carriño pola estrada; nel transportan as poucas pertenzas que lles quedan e o que van recollendo no camiño. Van cara ao sur, cara á costa, esfameados e abafados pola néboa cincenta; van fuxindo da morte coa esperanza de atopar un futuro onde sexa posible a vida. Como única protección levan unha pistola para se defender dos bandidos, as roupas que visten, e...un ao outro".


A ESTRADA
Cormac McCarthy
Tradución de Eva Almazán
Narrativa K
2010
189 páxinas

jueves, 21 de octubre de 2010

É tempo de cogumelos, é tempo de Xeiras!!!










Un ano máis, e van 21 seguidos!!, o Grupo Ecoloxista Adenco volve organizar as súas Xeiras Micolóxicas, que ao longo de varias fins de semana, acercarán o mundo dos cogumelos á sociedade do Condado.
As actividades son moitas e variadas, con horarios para todos os públicos, pensando tamén nos nenos e na festa, con magosto, chourizos, degustación de cogumelos, libros, ...
Nas imaxes tes o programa detallado.
Aproveita o Outono, goza cos cogumelos!! Goza coa natureza!!!

miércoles, 6 de octubre de 2010

Tardes libertarias 2010


Infórmovos da próxima actividade organizada polo Ateneo Libertario Lume Negro de Ponteareas, as tardes libertarias.

As tardes libertarias deste ano constarán de dúas partes. A primeira terá lugar o venres 15 de outubro ás 21:00h da tarde na Casa dos veciños e Veciñas de Angoares(Ponteareas). Trátase dunha repressentación ateatral do Ateneo Lume Negro na que se pretende facer unha crítica, com ironía e humor, dos tres grandes medios de difusión informativa: a radio, a prensa e a televisión. Ao longo de dita representación comentaranse distintas novas aparecidas nos medios sobre temas de actualidade como a guerra de Iraq, os transxénicos, as persoas presas, etc... e as técnicas de manipulación empregadas nelas. Ao remate celebraremos um debate sobre a manipulación con todo o público asistente.

A segunda parte das tardes será o sábado 16 de outubro ás 18:00h tamén na Casa dos veciños e Veciñas de Angoares. Neste caso unha mesa redonda na que poderemos coñecer os proxectos dos colectivos Novas da Galiza, Diagonal, Radio Piratona e Radio Kalimera.

Para contactar coa organización http://lumenegro.blogspot.com/ ou lumenegro@yahoo.es


Vémonos!!

martes, 7 de septiembre de 2010

Liberación animal


Comezando lectura, un clásico neste caso, de Peter Singer, que volverá a cambiar a miña forma de ver as cousas que me rodean, seguro!

Liberación Animal constitúe, no fondo, o intento de por en marcha unha cruzada contra a crueldade e a dor inxustificada; unha cruzada ao final da que cambiará o noso modo de contemplar aos animais e, con isto, o modo de contemplarnos a nós mesmos.

Un dato interesante sobre o que comemos: un occidental medio, é dicir, ti mesmo, come durante a súa vida 11 vacas (ONCE VACAS!!), 43 porcos (CORENTA E TRES), 36 ovellas (ovellas!!!) e 1100 polos (MÁS DE MIL POLOS!!!!!)...

En fin, adiante a lectura!

Liberación Animal
Peter Singer
Editorial Trotta, 2ª edición
Biblioteca Universidade de Vigo (que non todo vai ser comprar libros!)

viernes, 27 de agosto de 2010

Cara rutas salvaxes


Moi bo libro. Sen chegar, obviamente, a ser autobiográfico, o relato de Jon Krakauer é realmente interesante. Vese que houbo moito traballo de fondo. Parece que todos aqueles que coñeceron a Alex Supertramp aparecen no libro, a través da pluma áxil do autor. Ademais, as referencias ás obras que leu Chris McCandless durante a súa viaxe axudan a entender, e moito, a súa personalidade e os seus obxectivos vitais. Para min, ao contrario de moitos, a súa viaxe é a viaxe dunha persoa chea de valentía e coraxe, a pesar do sucedido. Hai que ter moito dentro para facer o que fixo este rapaz con 24 anos.

Moi recomendable!!!

"Non botes raices, non te establezas. Cambia a miúdo de lugar. Leva unha vida nómada...non necesitas ter a alguén contigo para traer unha nova luz á túa vida. Está aí fóra, sinxelamente"

Cara rutas salvaxes
Jon Krakauer
O drama real que inspirou a aclamada película escrita e dirixida por Sean Peen.
Edición Zeta
Prezo descoñecido...foi un regalo, un regalazo,grazas!!!

lunes, 9 de agosto de 2010

A pesca da troita en América


Unha moi recomendable lectura, con textos surrealistas, cheo de ironía, máis intelixentes do que un se poida imaxinar e cunha coidadísima edición a cargo de Blackie Books. Aquí un exemplo do gran Brautigan (Deus o teña na súa gloria!!!jajajaj).

O DESGUACE DE CLEVELAND
Ata fai pouco o único que sabía do Desguace de Cleveland debíase a que un par de amigos compraran un par de cousas alí. Un deles comprou unha enorme fiestra: marco, vidro e todo o demais por un par de dólares. Era unha fiestra espléndida.
A continuación abriu un burato no lateral da súa casa en Potrero Hill e instalou a fiestra. Agora ten unha vista panorámica do hospital de San Francisco County.

A pesca da troita en América
Richard Brautigan
Balckie Books
19 euriños de nada...


martes, 23 de marzo de 2010

Correndo pasamos o tempo...


Pois xa volvemos da Marató de Barcelona despois de pasar un bo rato correndo os corenta e dous quilómetros e pico en algo máis de tres horas e corenta e nove minutiños!!!
Todo un suceso, toda unha experiencia!!
E este domingo seguimos pasándoo ben no Cuvi, nos dez mil organizados pola Universidade de Vigo, con 43 minutos!!
Seguimos correndo, seguimos contando!

domingo, 7 de febrero de 2010

Barcelona está máis cerca

O domingo 7 de marzo está cada vez máis cerca. Xa non queda case nada para intentar un reto difícil, moi difícil: rematar unha maratón. Máis de corenta quilómetros correndo polas rúas da cidade condal...sona ata ben e todo!!

Esta semana pasada, de domingo a domingo, foi como segue:

DOMINGO: Marcha das rosquillas, máis de tres horas en bici polos montes de Ponteareas, para adestrar o corazón...

MÉRCORES: 45 minutos de trote lobero...

VENRES: 25 minutos de trote e series. Eu fixen 6 de 1000, entre 4'20'' e un pouco menos de catro...bufff!!!

DOMINGO: 1h30' por Salvaterra, polo parque da Canuda e beiras do Tea...os outros tolos fóronse a 1h50' cun ritmo "disconforme"

E nada, a seguir toca, aínda que estas semanas preséntanse complexas para atopar sitio para correr: exames de inglés, entroido, viaxes, ...

viernes, 5 de febrero de 2010

Clube de lectura de Ponteareas

Entereime recentemente da existencia deste clube de lectura. Vendéronmo como autoxestionado. O propio clube pon as normas, decide o que se le e comenta o que considere na súa reunión mensual que ten hora de comezo, pero non hora de remate!

Estamos agora inmersos na lectura de Atuado na Braña, de Xabier Quiroga, un libriño de 600 páxinas...

Veremos o que dá de si...

martes, 26 de enero de 2010

1h38'16''



Pois ese foi o tempo empregado na Media Maratón de Viana do Castelo.




Día precioso para gozar cunha carreira, aínda que as pernas non vaian tanto como me gustaría, ou si? Pouco a pouco, porque se comparamos co ano pasado, baixei seis minutos, que non é que sexa moita progresión, pero algo é algo, tendo en conta que, unha, corro para divertirme e non levar un golpe, e segundo, tampouco lle dedico tanto tempo!!






O día foi, como dixen, ben bonito. Paseino ben, que é o importante, a pesar dos quilómetros, quedei no posto 700 e algo, de 1300 e algo que acabaron...


Diante de min, a moita distancia, os meus compañeiros Taninos. Todos espectaculares, a pesar das condicións nas que correu algún, que mellor tería sido quedar na cama!!!




Pero bueno, o obxectivo segue a ser o Maratón de Barcelona. O domingo en Viana foi unha boa proba dun adestramento longo, dos que teño que facer máis...


E logo tocou comer, totalmente antiecolóxico!!! Comida chea de envases, e a saber de que estaría feita e como!!!!
Despois paseo, moooi agradable por Viana, unha vila fermosísima, moi coidada e realmente fermosa!
Non queda outra que esperar un ano máis para repetir. Fantástica organización e fantástica proba!!

miércoles, 20 de enero de 2010

Media de Viana do Castelo, obxectivo a corto prazo


A longo prazo está Barcelona, pero a corto temos xa á vista Viana do Castelo, unha media maratón que xa fixen o ano pasado. Aquí a crónica do pasado ano


Foi un bo día o do pasado ano, aínda que eu sigo dicindo que nunha carreira, de dez, unha media e que dicir dunha maratón, non se pode gozar!! Nin de lonxe!!


Este ano intentarei rematar cun tempo inferior, que nunca se sabe. O percorrido é comer quilómetros a unha estrada, cun sube e baixa, media volta e a chegar a meta, despois de pasar un treito empedrado cun par de costas que o pasado ano non levei moi ben.


Imos moitos, promete, a ver como está o tempo meteorolóxico...


Contarei!!

lunes, 18 de enero de 2010

Obxectivo Maratón de Barcelona

Pois nesas andamos...correndo e correndo, comendo quilómetros, pero menos dos que seguramente sexan precisos.
O obxectivo é sinxelo, por dicir, algo, acabar unha maratón...correr 42 quilómetros seguidiños!
O propósito, para min, é ambicioso. Pero sexamos optimistas porque cando fun a Viana do Castelo, na miña primeira media maratón, tampouco correra antes unha distancia semellantes, nunca entrenara tantos quilómetros e acabei. Quilómetro a quilómetro, así, con obxectivos pequenos, case que paso a paso...
Xa contarei.

http://www.barcelonamarato.es/

viernes, 8 de enero de 2010

O conductor de autobús que quería ser Deus

Coido que ela chorou no meu funeral, non quero ser soberbio, pero estou case seguro. Ás veces consigo imaxinala perfectamente falándolle de min a algún nacho co que ten confianza. Falándolle da miña morte. De como me baixaron á tumba, tan insignificante e desgraciado como unha chocolatina caducada. De como en realidade nunca o conseguimos. E despois o nacho pínaa ben pinada, o que é un consolo.

miércoles, 30 de diciembre de 2009

Resumo 2009 (I): Libros

Facendo un pouco de memoria, e facendo un pouco de resumo do ano, a nivel de libros, comezo un listado de libros lidos:

1) O NATURAL É POLÍTICO, Teresa Moures, editorial Xerais. Moi recomendable, a diferencia entre ecoloxismo e medioambientalismo!!

2) SERAOGNA. Alfonso Pexegueiro. Xerais. Libro de referencia a nivel poético. Im-pres-cin-di-ble.

3) NUESTRA INCIERTA VIDA NORMAL. Luis Rojas Marcos, Aguilar. Para pasar un rato, esperaba outra cousa.

4) NO IMPACT MAN. O mellor sen dúbida, todo o que te fai replantexar, divertido, entretido, formativo, ilustrativo, ...Deberíamos tomar exemplo. Gran a gran, todos podemos aportar...

5) POR TRECE RAZONES, Jay Asher, Narrativa Ámbar. Libro recomendado dun periódico. Moi entretido. De lectura áxil, engancha. Moi agradable, a pesar do tema que trata...

6) ANTOLOGIA BREVE, Poesía de Eugenio de Andrade. Grande o poeta portugués, cheo de razón.

7) OS PRIMEIROS GALEGOS, Felipe-Senén López Gómez, Edicións Lea. Para saber de onde vimos, porque así igual sabemos a onde imos.

8) O SABOR DA TERRA. ENCONTRO COS COGUMELOS. Helena Villar Janeiro, Editorial Galaxia. Os cogumelos vistos desde outro punto de vista. Interesante lectura.

9) GALICIA BORROSA, Santiago Lamas, Seminario de Estudos Galegos. Para saber como somos os galegos...

10) O CONDUCTOR DE AUTOBÚS QUE QUERÍA SER DEUS, Etgar Keret, Editorial Rinoceronte. Libro raro raro raro, pero curioso. Unha literatura diferente, descoñecida para min, pero raro raro. Gústame.

11) INTELIGENCIA EMOCIONAL, Daniel Goleman, Salvat. Entre estes libros e os da linguaxe non verbal, canto aprendes da xente!! Estou psicoanalizándote!!!

12) DO QUE ESTOU A FALAR CANDO FALO DE CORRER, Haruki Murakami, Galaxia. Libro moi entretido para os que, de vez en cando saímos a correr, e nos propomos novos retos a niveis físicos. Ata onde pode aguantar o noso corpo? Ou é a cabeza a que ten que aguantar?? A dor é inevitable, o sufrimento opcional.

lunes, 21 de diciembre de 2009

Cumio de Copenhague...tantos días para???


Outra decepción máis e cantas van??


Aquí podedes ver os superacordes, sen vinculación ningunha, que se conseguiron...e de paso lemos algo en inglés, que tampouco ven mal...




Ademais, nesta outra web dos amigos de Ecologistas podedes facervos unha idea do que foi o Cumio...




E nada, a seguir esperando a que alguén tome a iniciativa, aínda que, como lin algún día, os nosos políticos non se preocuparán do Medio, mentres a xente non se preocupe. E canta razón...porque, a canta xente oímos falar do asunto este? Quen sabe que houbo un Cumio en Dinamarca? Quen sabe que está detido o Responsable de Greenpeace España, sen comunicación e sen xuízo ata o 7 de xaneiro de 2010!!!????? Quen sabe para que foi Obama a Copenhague? Quen é Obama???

lunes, 14 de diciembre de 2009

No Impact Man


Algo máis que correr tamén hai que facer, non? Pois aquí vai unha recomendación en forma de libro: No Impact Man. Podedes compralo en inglés, pero bueno, eu téñoo na lingua de Cervantes, na editorial 451 Editores.


O autor é Colin Beavan, un neoiorkino (isto dise así??), escritor, que dun día para outro decide meterse nun lío grande ao redor dunha vida sostible. O libro céntrase nun ano da súa vida, no que tamén mete a súa familia, é dicir, á súa muller, a súa filla e á súa cadela.


Cousas interesantes son moitas as que se din no texto. Moitas aproveitables; outras moi centradas na illa de Manhattan...pero moi curioso, gratificante e constructivo.


Hai un documental, un libro, un blog...un negocio?? Pois pode ser, pero non sexamos máis papistas que o papa e pensemos que cuestións como estas divulgan un modo de pensar e fan que máis persoas se paren un momento e reflexionen.


Unha cousa máis: que tal se gozas de onde estás e deixas de pensar en onde vas a estar??


Como dicía, o libro é moi interesante e o blog http://noimpactman.typepad.com/
En fin, unha ocupación máis...

miércoles, 18 de noviembre de 2009

Chegando aos 30 anos

Pois si, chegando aos trinta anos haberá que comezar a facer algún blog con contido, con algo interesante que dicir. Pero bueno, iso nunca se sabe, aínda que se intentará. Cerramos o blog, pouco usado, 28anos, e espero reunir neste blog algunhas afeccións que outra xente pode compartir.